https://www.youtube.com/watch?v=u4QdBohWmFQ&t=3s
Tameiga solicita reunións aos partidos políticos polo GS360 e a política industrial
- A entidade pide entrevistas para abordar dous asuntos esenciais para Tameiga: a declaración de interese autonómico do proxecto GS360 do RC Celta e a modificación da lei que pretende restar capacidade de xestión ás comunidades de montes sobre os seus terreos industriais.
Mos, xx de xaneiro de 2024.- A Comunidade de Montes de Tameiga acaba de solicitar reunións con responsables dos principais partidos políticos que se presentan ás eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo 18 de febreiro: PPdeG, BNG, PSdeG-PSOE e Sumar.
O obxectivo da entidade é abordar os problemas e propostas de solución de cada formación política a dúas cuestións fundamentais para Tameiga: o proxecto GS360 promovido polo Celta (que conlevaría a expropiación de ducias de milleiros de metros cadrados de monte) e a modificación da Lei de Montes Veciñais en Man Común (que cuestiona a capacidade para xestionar solo industrial, neste caso concreto, o polígono de Monte Faquiña).
O GS360 ameaza uns 300.000 metros cadrados de monte, un solo rústico de especial protección e gran valor ambiental, paisaxístico e patrimonial, pola súa privilexiada situación xeográfica e pola riqueza de recursos naturais como auga e biomasa. Estes terreos supoñen un pulmón verde para Mos e toda a área de Vigo, abastecen de auga directamente a máis de 5.000 persoas e proporcionan enerxía limpa (biomasa) a máis de 400 veciños, contribuíndo así a preservar e mellorar a ordenación territorial, promovendo a diversidade e a sustentabilidade das zonas verdes.
A declaración inicial deste proxecto como de interese autonómico por parte Xunta de Galicia abre a porta á expropiación do monte comunal de uso público para beneficio privado. O GS360 ten contestación social. Durante a tramitación, a Xunta recibiu máis de 4.000 alegacións en contra desta declaración.
Entre outros colectivos, a Comunidade de Montes oponse á realización do proxecto neste emprazamento e demanda á próxima Xunta de Galicia que atenda as alegacións e non valide a declaración de interese autonómico. Tameiga defende o interese colectivo e a preservación da superficie forestal, o futuro común dunha sociedade na que a loita contra o cambio climático e a conservación dos recursos naturais son legados a protexer.
En segundo lugar, sobre a proposta de modificación da Lei de Montes Veciñais en Man Común, Tameiga quere coñecer a posición dos partidos políticos sobre a autonomía da comunidade de montes para xestionar os terreos da súa propiedade, tamén os industriais.
Esta capacidade está agora senda posta en cuestión por algúns empresarios e a Xunta de Galicia. Ao respecto, as comunidades de montes e a Asociación Forestal de Galicia definiron unha posición común para que non se lexisle ás súas costas. Solicitan o recoñecemento do papel das Comunidades de Montes no territorio, a defensa deste patrimonio identitario de Galicia e a consolidación da imprescriptibilidade dos montes veciñais.
Tamén demandan, entre outras cousas, o cumprimento da lexislación de montes veciñais que outorga a capacidade para negociar cos axentes económicos os diversos usos do chan e, por último, que prevaleza a lexislación de montes sobre calquera outra lexislación de fomento económico ou simplificación administrativa.
A Comunidade de Montes de Tameiga xestiona de forma responsable o polígono industrial de Monte Faquiña (acaba de pechar un acordo para que Copo poida continuar en Mos ata 2050) e estes ingresos reverten na comunidade de forma directa. A entidade está a mercar máis monte (1,6 hectáreas máis en 2023), a explotar os seus recursos naturais de forma sostible, a implantar paneis fotovoltaicos en vivendas e naves industriais, e a prestar servizos sociais, culturais, lúdicos e medioambientais para a veciñanza.
CMVMC de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.