https://www.youtube.com/watch?v=u4QdBohWmFQ&t=3s
Tameiga acolle a 1 de xuño o Feirón gratuíto “Salvamontes”, con artesanía e música en directo
- O público poderá gozar de case medio centenar de postos de distintas especialidades, xantar popular e actuacións de Catuxa Salom, As Darbukas Dacolá, Raposa e Aldaolado
- O movemento “Salvamontes” busca a concienciación social sobre a necesidade de preservar as superficies forestais
Mos, 15 de maio de 2024.- O movemento “Salvamontes” continúa dando pasos e ampliando a súa masa social cara a sensibilización social e posta en valor do noso monte entre a cidadanía.
Desta volta, a Comunidade de Montes de Tameiga organiza o 1 de xuño unha xornada gratuita de música, xantar popular e artesanía da man do colectivo Artesanía Local Trebello, creado por personas con inquedanzas artísticas e vontade artesá. Un día para amosar o valor do natural. Con preto de cincuenta postos, estes creadores levarán ao público o seu traballo en especialidades como o coiro, a cerámica, a pintura, a serigrafía, o gravado, a encadernación, a costura e a ourivaría.
A feira abrirá as súas portas nas instalacións do centro social As Pedriñas ás 11 horas. O público que se achegue poderá coñecer propostas artesáns distintas, gozar dun xantar popular a mediodía e, por suposto, de toda a programación cultural prevista. A primeira, a actuación de Catuxa Salom a partir das 13:30 horas.
Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis destacadas do movemento folk-electrónico do momento. En 2022 publica o seu disco revelación “Nunha aldea”, un EP de debut que reflicte en cada canción un universo sonoro que vai da música tradicional galega aos ritmos latinos. Un disco envolto por unha atmosfera tribal que convida ao baile e nos conecta co noso lado máis puro e salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, Catuxa Salom crea un lugar onde o fogar e o amor pola natureza están moi presentes. En 2022 e 2023 foi finalista nos Premios Martín Códax da música galega na categoría de Músicas do Mundo. Catuxa Salom é un dos nomes máis atractivos da escena musical galega. Máis de 40 concertos avalan a xira de presentación do seu primeiro traballo. O seu novo disco verá a luz este ano.
Pola tarde, ás 16 horas, será a quenda de As Darbukas Dacolá, que se definen como música oriental “made un Vigo”, unha proposta perfecta para bailar, escoitar, gozar e sentir o “dum tak” como ritmo de vida.
A continuación, desde as 18 horas, subirá ao escenario Raposa. É unha banda pontevedresa composta polas guitarras e voces de María Villanueva e Rubén Abad, un proxecto consolidado sobre un cimento de corda pulsada, onde a versatilidade e virtuosismo de ambos compoñentes sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución rebosante de matices e delicadeza.
A xornada conclúe coa actuación do dúa artístico Aldaolado. Lucía Aldao e María Lado, dúas poetas galegas de consolidada carreira, no ano 2005 decidiron unir os seus nomes e os seus esforzos creativos para dar lugar a esta proposta. Aldaolado é un proxecto artístico orientado á poesía escénica co que conseguiron facer do recital un acto atractivo, próximo e divertido para todo tipo de público, mesmo para aquel que nunca leu poesía. A súa espontaneidade e complicidade en directo é a base dos seus espectáculos, propostas nas que tratan temas de interese colectivo coma a lingua, o amor romántico ou a igualdade de xénero e sempre a través do humor, a poesía e a música.
O movemento Salvamontes
Coa ameaza do proxecto GS360 como punto de partida, o Salvamontes xurde como un movemento transversal, aberto e apolítico para concienciar á cidadanía da área de Vigo –e ás entidades públicas e privadas- da necesidade de preservar a nosa masa forestal.
Especialmente nas áreas periurbanas, os montes son espazos multifuncionais imprescindibles para o progreso e a calidade de vida da sociedade. Gozan de valor patrimonial e paisaxístico, absorben CO2, proporcionan oxígeno, actúan contra o quecemento global, son lugares de lecer e fonte de recursos naturais (auga, biomasa, etc) para a veciñanza.
En Galicia, o monte representa a nosa identidade, un elemento de unión entre o pasado e o futuro, un modo de vivir e entender esta terra que debemos protexer, por nós e polas xeracións vindeiras. Porque sen a nosa masa forestal non teremos unha Galicia verde.