Skip to content

O monte suma apoios contra o GS360, que chegará a Europa

Crece a oposición ao proxecto de Carlos Mouriño en Mos, que ameaza ducias de milleiros de metros cadrados de superficie forestal. Entidades veciñais, medioambientais e políticas rexistraron na Xunta máis de 4.000 alegacións contra a súa declaración como proxecto de interese autonómico, Ecoloxistas en Acción presentou unha denuncia por prevaricación e eurodeputados galegos anuncian que elevarán a cuestión a Bruxelas. 

O proxecto do presidente do Celta, Carlos Mouriño, de crear en Mos un complexo de industria do ocio en terreo forestal –o chamado Galicia Sports 360 ou GS360– acumula máis e máis oposición. As actuais instalacións na parroquia de Pereiras, en Mos, xa foron declaradas ilegais polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, despois de que o xulgado de Pontevedra anulara as licenzas de construción outorgadas polo Concello de Mos, mais o conflicto está lonxe de rematar.

Pese á oposición veciñal e ás resolucións da xustiza, Carlos Mouriño continúa adiante co seu macro proxecto en superficie forestal, co respaldo do gobierno local de Mos e da Xunta de Galicia. O que comezou como un gran centro comercial derivou no GS360, un proxecto que ameaza ducias de milleiros de metros cadrados de monte, que pretende expropiar a través da declaración desta iniciativa como proxecto de interese autonómico por parte da Xunta de Galicia. 

O goberno autonómico precisamente está a tramitar esta declaración, que na práctica permitiría expropiar o monte comunal en beneficio único dunha empresa privada. Contra esta declaración foron rexistradas máis de 4.000 alegacións na sede da Xunta en Vigo, presentadas pola Comunidade de Montes de Tameiga, a plataforma Auga é Vida, grupos ecoloxistas e partidos políticos. 

As alegacións argumentan que non se sostén o interese público da acción e baséanse en distintos aspectos. En primeiro lugar, na recualificación dun solo que, no planeamento urbanístico municipal, figura como rústico “de especial protección”, un espazo que sería expropiado e formigonado, xerando máis contaminación, dilapidando o patrimonio medioambiental e paisaxístico da zona e incidindo directamente nos recursos naturais que proporciona á veciñanza, en particular, os hídricos. 

A afección a auga é outro dos argumentos esgrimidos. No subsolo dos montes ameazados polo GS360 xacen pozos de auga e acuíferos que fornecen desde hai décadas a máis de 4.000 persoas, segundo os datos da plataforma Auga é Vida. As traídas da zona estarían seriamente comprometidas de levarse adiante o megaproxecto de Carlos Mouriño, que precisa máis dun millón de litros de auga ao día. 

Ademais, cuestiónase que, pola vía administrativa, o promotor da iniciativa e a Xunta estean tratando de dar cobertura legal a unha actuación –a chamada Cidade Deportiva Afouteza, do Real Club Celta– declarada ilegal polos tribunais, unhas instalacións que acumulan xa dúas sentenzas en contra e que construíuse a sabendas da existencia dun xacemento de máis de 4.000 anos de antigüidade. 

A Xunta de Galicia deberá agora respostar ás alegacións presentadas e xustificar ou non o interese público do proxecto que promove a empresa privada de Carlos Mouriño. O camiño semella lonxe de concluír e todas as entidades continúan explorando as vías administrativas e legais posibles que protexer preto de 300.000 metros cadrados de superficie forestal. 

A vía de Bruxelas

Ana Miranda e Nicolás González Casares, eurodeputados, visitaron As Pedriñas e puxeron sobre a mesa as posibilidades de levar a cuestión ao Parlamento Europeo. 

En distintas reunións celebradas nas últimas semanas, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o seu homólogo socialista, Nicolás González Casares, interesáronse polo proxecto GS360 e a súa afección social, económica, enerxética e ambiental a varias parroquias de Mos e á área de Vigo. Ambos mantiveron sendas entrevistas no centro social As Pedriñas, coa participación de representantes da Comunidade de Montes de Tameiga, da plataforma Auga é Vida e da veciñanza de Mos. 

As reunións prolongáronse durante máis dunha hora. Logo dunha exhaustiva análise do impacto do GS360, os representantes políticos expuxeron aos presentes as distintas posibilidades de que esta iniciativa chegue ao Parlamento Europeo. A veciñanza comuneira de Tameiga amosouse convencida de explorar todas as vías que teña ao seu alcance para defender o monte, a auga e os recursos naturais, evitar a súa expropiación e manter a súa forma de vida e o proxecto forestal que ten definido para a próxima década. 

Pola súa banda, segundo recollen os medios de comunicación, o polémico proxecto GS360 chegará a Bruxelas da man dos eurodeputados galegos, que elevarán ao Parlamento Europeo os argumentos e a posición das veciñas e veciños afectados, da Comunidade de Montes de Tameiga, da plataforma Auga é Vida e das asociacións veciñais e ecoloxistas implicadas na defensa do monte. 

A Xunta, denunciada por prevaricación

A actuación da Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, ao respecto do GS360 tamén está en entredito. E non só políticamente; agora tamén nos xulgados. Ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ecoloxistas en Acción vén de interpoñer unha denuncia por prevaricación contra todo o Consello da Xunta de Galicia, ao declarar inicialmente este proxecto como de interese autonómico. 

Dadas as irregularidades cometidas no xa construído, que culminaron en dúas sentenzas en contra, para Ecoloxistas en Acción resulta evidente que o Consello da Xunta declarou de forma inicial o interese autonómico para tratar de eludir os informes desfavorables emitidos por diversos organismos públicos e lograr a expropiación e posterior recualificación do monte veciñal. 

E xunto ao impacto negativo do GS360 desde o punto de vista social, ecolóxico, patrimonial e cultural, Ecoloxistas en Acción considera patente que non concorre o interese estratéxico autonómico e que os acordos do Consello da Xunta foron ditados de maneira arbitraria, con plena consciencia da súa inxustiza, co fin de satisfacer únicamente o interese dunha entidade privada. 

Coa denuncia, a formación ecoloxista agarda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia atenda aos seus argumentos e restableza a legalidade. Con todo, semella que o percorrido administrativo e xudicial para defender o patrimonio común da agresión que supón o GS360 aínda acaba de comezar.

Back To Top