Skip to content

O 25 de maio, primeira “andaina Salvamontes” para poñer en valor o patrimonio natural

A Comunidade de Montes de Tameiga organiza unha saída guiada de case 10 quilómetros pola fervenza do río Liñares, en A Lama, a primeira andaina que se organiza baixo o paraugas do “movemento Salvamontes”

O “movemento Salvamontes” naceu hai uns meses para dar a coñecer á cidadanía a riqueza do patrimonio ambiental e natural galego e concienciar da necesidade de preservalo. Todo, co obxectivo final de defender a nosa masa forestal contra agresións como a que promove o Real Club Celta co seu proxecto GS360 nos montes de Tameiga.

Precisamente a Comunidade de Montes de Tameiga celebra o próximo sábado, 25 de maio, a primeira “andaina Salvamontes”, prevista inicialmente para o 4 do mesmo mes, mais aprazada polo mal tempo. A saída continúa aberta a todo aquel que se anote na oficina do centro social As Pedriñas ou no 616523807. O custo da inscrición é de cinco euros, de balde para as persoas socias das Pedriñas e aos inscritos no movemento Salvamontes.

A actividade presenta un percorrido circular polo municipio de A Lama. A atracción principal desta ruta será a fervenza do río Liñares ou da Freixa, con máis de 30 metros de desnivel. Ademais, durante a ruta, poderase percorrer carballeiras, bosques de ribeira e camiños reais cheos de historia, pasarelas, levadas e muíños.

A ruta presenta unha duración estimada de tres horas e media e unha dificultade moderada ao longo dos seus nove quilómetros e medio. Durante o traxecto, o guía explicará os principais atractivos do percorrido e do patrimonio, con especial énfase na relevancia das masas forestais nas nosas vidas e , en particular, da incidencia do proxecto GS360 que promoveu o nacemento do movemento Salvamontes.

De facerse, o GS360 ocuparía ducias de milleiros de metros cadrados de masa forestal en Mos, monte catalogado como rústico de especial protección que pretenden devastar para construír estradas, edificios, un hotel, outro estadio e máis áreas comerciais.

O valor deste monte non só é patrimonial e ambiental, senón que proporciona auga e biomasa a miles de veciños de Mos e supón un espazo de esparexemento moi valorado e utilizado pola cidadanía, que se perdería en beneficio único dunha entidade privada.

Esta “andaina Salvamontes” non será a única actividade organizada baixo o paraugas deste movemento, xa que está prevista outra actividade o 1 de xuño, unha xornada lúdica e cultural que terá lugar tamén en Tameiga.

O movemento Salvamontes

Coa ameaza do proxecto GS360 como punto de partida, o Salvamontes xurde como un movemento transversal, aberto e apolítico para concienciar á cidadanía da área de Vigo –e ás entidades públicas e privadas- da necesidade de preservar a nosa masa forestal.

Especialmente nas áreas periurbanas, os montes son espazos multifuncionais imprescindibles para o progreso e a calidade de vida da sociedade. Gozan de valor patrimonial e paisaxístico, absorben CO2, proporcionan oxígeno, actúan contra o quecemento global, son lugares de lecer e fonte de recursos naturais (auga, biomasa, etc) para a veciñanza.

En Galicia, o monte representa a nosa identidade, un elemento de unión entre o pasado e o futuro, un modo de vivir e entender esta terra que debemos protexer, por nós e polas xeracións vindeiras. Porque sen a nosa masa forestal non teremos unha Galicia verde.

Back To Top