Xa podes velas fotos e a clasificación desta primeira edición do Trail Salvamontes.
Lanzan a campaña “Salvamontes” para recoller apoios contra o proxecto GS360
- Co lanzamento da campaña “Salvamontes” Ecoloxistas en Acción busca sensibilizar sobre o valor do terreo e as consecuencias negativas do proxecto do Celta nos montes de Mos
- O movemento “Salvamontes”, que defende o patrimonio natural con actividades e divulgación, arranca cun vídeo de animación sobre a perda de mananciais de auga e o dano ao ecosistema que causaría o GS360.
- Salvamontes quere sumar entidades ou particulares, que compartan a sensibilidade polo monte. Poden informarse e enrolarse en salvamontes.com
O movemento “Salvamontes” nace como unha plataforma cidadá composta por persoas e asociacións comprometidas coa defensa e posta en valor do noso entorno natural, en particular dos montes, a través de información e actividades.
A iniciativa, lanzada por Ecoloxistas en Acción, busca concienciar á cidadanía sobre o valor da superficie forestal e a necesidade de preservala, cunha punta de lanza: deter o proxecto GS360. O movemento “Salvamontes” quere sensibilizar sobre o valor do terreo no que se pretende construír, sumar apoios e recoller sinaturas para que non se leve adiante este lesivo proxecto.
O “Salvamontes” arranca cunha nova web (salvamontes.com) e unha animación para expor, de forma sinxela e didáctica, os problemas derivados do proxecto industrial, deportivo e comercial que promove o RC Celta nos montes de Tameiga. O seu punto de partida é contundente: “¿Construirías un estadio de fútbol nas illas Cíes?”.
Con este poderoso chamado de atención, preténdese poñer en valor a superficie afectada por esta iniciativa privada, un terreo rústico de especial protección, un ecosistema de grande interese patrimonial, que ademais proporciona auga e biomasa a miles de veciños e veciñas de Mos. Un monte comunal que actúa como un auténtico pulmón verde para a área de Vigo e espazo de esparexemento moi valorado e utilizado pola cidadanía.
Alertan que o proxecto GS360 suporía a perda dunha ampla masa forestal de uso público, afecta directamente a 150.000 M2 de monte comunal, en beneficio exclusivo dunha entidade privada, que construiría “infraestruturas duplicadas e innecesarias”: outro estadio, máis espazos comerciais, un hotel, novos edificios e estradas…
Para Ecoloxistas en Acción existe un risco real dunha enorme perda social, ambiental e incluso económica, a que conlevaría devastar estes montes, que agochan uns acuíferos que abastecen de auga a máis de 5.000 persoas en Mos. Estes acuíferos desaparecerían de construirse o GS360.
Así, o “Salvamontes”, unha plataforma aberta a persoas e asociacións, fai un chamamento a mobilizarse contra un GS360 que a Xunta de Galicia está a apoiar, tramitando a súa declaración como proxecto de interese autonómico, o que na práctica abriría a porta á expropiación do terreo, coma se se tratase dunha actuación pública coama unha autoestrada ou hospital.
Máis información: Cristóbal López 637558347, voceiro de Ecoloxistas en Acción.