Skip to content

Tameiga e a plataforma Ulloa Viva alíanse para celebrar o primeiro festival na defensa da terra

O I Festival Salvamontes será o 15 e 16 de novembro na Rebullón, en beneficio da plataforma Ulloa Viva, con abonos desde só 15 €

Ulloa Viva e Tameiga únense pola terra e os recursos naturais, contra os grandes proxectos que os ameazan: o GS360 e Altri.

Mos, 31 de outubro de 2024.– A Comunidade de Montes de Tameiga e a plataforma Ulloa Viva únense para celebrar o I Festival Salvamontes, o primeiro festival na defensa da terra e os recursos naturais, en beneficio da plataforma Ulloa Viva.

O I Festival Salvamontes xurde como resposta á ameaza de desenvolvemento de sendos macroproxectos económicos e comerciais cun elevando impacto en áreas naturais, ambos co apoio da administración autonómica. No caso da Comunidade de Montes de Tameiga, o GS360 que promove o grupo GES da familia Mouriño, tamén propietaria do Real Club Celta; en Palas de Rei, a celulosa portuguesa Altri.
O festival busca informar e concienciar do profundo dano que causarían estes proxectos.

Tanto Tameiga como a plataforma Ulloa Viva comparten a súa defensa dun modelo económico compatible co respecto ao patrimonio ambiental galego, á paisaxe e á biodiversidade, ao tempo que rexeitan o desenvolvemento de dous proxectos industriais de dubidosa legalidade tendo en conta as directivas ambientais europeas, que ademais afectarían gravemente ao noso medio ambiente e aos recursos naturais dispoñibles para a veciñanza.

Por exemplo, a implantación de Altri causaría un deterioro significativo e irreversible ao auga do río Ulla e dos ecosistemas dependentes, mentres que o GS360 secaría os acuíferos que abastecen a 5.000 persoas de Mos. Por outro lado, no tocante ao impacto na masa arbórea, suporía a proliferación do eucalipto na Ulloa e en Galicia, e a devastación de máis superficie forestal na área de Vigo, tan necesaria sobre todo en zonas periurbanas.

Ademais, o modus operandi para Altri e o GS360 é moi similar. Ambos proxectos non cumprían os requisitos para a súa implantación, así que a Xunta pretende declaralos como proxectos de interese estratéxico para Galicia, evitando así o cumprimento das leis e facilitando a expropiación do solo para as grandes empresas.

Co I Festival Salvamontes, Tameiga e Ulloa Viva buscan recadar fondos para a plataforma con Altri e tamén sensibilizar á cidadanía da importancia crucial de preservar os nosos recursos naturais e a masa forestal galega. Como parte do movemento Salvamontes, son espazos multifuncionais imprescindibles para a calidade de vida da sociedade, con valor patrimonial e paisaxístico, que absorben CO2, proporcionan oxígeno, actúan contra o quecemento global, e ofrecen lugares de lecer e fonte de recursos naturais (auga, biomasa, etc) para a veciñanza.

O cartel
Cun carácter solidario e de apoio á plataforma cidadá, o I Festival Salvamontes vaise celebrar na sala Rebullón durante dous días: 15 e 16 de novembro. Actuarán seis bandas e as entradas xa están á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas, tanto de día (10 €) como o abono desde só 15 euros en anticipada. En billeteira, 18 euros o abono e 13 euros a entrada dun día.

Os concertos comezarán ás 21 horas. O venres, 15 de novembro, actuarán Tiam GZ, Flow do Toxo e Willow GHZ.

Tiam GZ é rap, reivindicación e pura festa. Desde o dembow á muiñeira, ningún ritmo se lles escapa. Nos seus directos, os da comarca de Chantada misturan a súa identidade rapeira cunha sesión de DJ, coa que van construindo unha homenaxe á nosa terra.

Flow do Toxo, grupo integramente feminino, presentan o seu primeiro traballo, “Aquí están as que ghritan”, un berro persoal e colectivo desde o rural, co rap como forma de reivindicación directa e sen complexos. Música para pasalo en grande.

Willow GHZ é o pseudónimo de Darío Burgo, un dos artistas emerxentes máis interesantes da escena musical urbana en Galicia. A súa música move entre o trap,  e o hip hop. Natural de As Neves tamén é o cantante da banda Keixa.

Ao día seguinte, o sábado 16, outras tres formacións subiranse ao I Festival Salvamontes pola defensa da terra. O Leo de Matamá é coñecido polo seu estilo irreverente, mesturando rock, punk e influencias da cultura popular galega, con temas humorísticos e satíricos, sempre con toques de retranca galega. O Leo combina o humor con mensaxes que buscan facer reflexionar.

Sun Iou é a gran promesa e revelación do rock&roll en galego. Procedentes do barrio vigués de Teis, a banda está a presentar o seu primeiro traballo, “Agora”, lanzado este mesmo ano, unha coidada mestura de rock&roll e tradición con engaiolantes harmonías vocais.

Por último, os composteláns Ruxe Ruxe, clásicos e referentes da escea rock e punk galega, con preto de trinta anos de exitosa traxectoria. Este ano, a banda ofreceu varios concertos en Irlanda nos que presentou temas do seu próximo e agardado traballo.

O movemento Salvamontes
Coa ameaza do proxecto GS360 como punto de partida, o Salvamontes xurde como un movemento transversal, aberto e apolítico para concienciar á cidadanía da área de Vigo –e ás entidades públicas e privadas- da necesidade de preservar a nosa masa forestal. Se és un ou unha “salvamontes”, podes inscribirte e sumar o teu apoio á causa, recibir as novas e estar informado das actividades deste movemento.

Especialmente nas áreas periurbanas, os montes son espazos multifuncionais imprescindibles para o progreso e a calidade de vida da sociedade. Gozan de valor patrimonial e paisaxístico, absorben CO2, proporcionan oxígeno, actúan contra o quecemento global, son lugares de lecer e fonte de recursos naturais (auga, biomasa, etc) para a veciñanza.

En Galicia, o monte representa a nosa identidade, un elemento de unión entre o pasado e o futuro, un modo de vivir e entender esta terra que debemos protexer, por nós e polas xeracións vindeiras. Porque sen a nosa masa forestal non teremos unha Galicia verde.

Ata o momento, baixo o paraugas do movemento Salvamontes xa se organizaron actividades socioculturais como un magosto, un feirón de artesanía, ou un trail polos montes de Tameiga, cun gran éxito de participación.

Back To Top