Skip to content

Alertan que o proxecto GS-360 do Celta deixará sen auga de boca a máis de 1.500 fogares en Mos

  • peritaxe hidrolóxico encargado por Ecoloxistas en Acción alerta do grave impacto que tería o proxecto GS 360 do Celta nos mananciais do monte de Tameiga.
  • Denuncian que se está a incumplir a Directiva Marco da Auga, xa que a seca destes mananciais afectaría a numerosas traídas de auga, comunais e particulares, deixando a máis de 5 mil persoas sen auga.

Os acuíferos galegos aproveitan fendas e espazos baleiros entre rochas de granito e xistos para asentarse. Son materiais impermeables que non permiten  en principio a creación de grandes almacenamentos de auga debaixo da terra. Si permiten a aparición de pozos, mananciais e fontes aproveitados desde sempre pola poboación no rural.

Estes acuíferos de ladeira constitúen reservorios nos que as augas soterradas están en contacto case directo coa escorrentía superficial e, polo tanto, presentan unha elevada vulnerabilidade á contaminación. Ademáis o sistema de recarga directo desde os fluxos de escorrentía superficial, ligado á presenza de rocha de menor grao de alteración en poucos metros, e as importantes pendentes da zona fan que se trate de acuíferos moi sensibles á recarga ligada a episodios de precipitación.

O informe hidrolóxico encargado por Ecoloxistas en Acción alerta que unha obra de semellante envergadura coma a proxectada polo Real Club Celta de Vigo, S.A.D. no monte de Tameiga é moi prexudicial e pon en risco nacementos e cauces de regos dada a fraxilidade da capa xeolóxica. As posibles novas fendas poden ser causa de modificacións, ben sexa a través de vibracións, voladuras ou movento de terras.

A organización ecoloxista sinala que a execución do proxecto Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 no lugar de Chan da Cruz, de executarse as obras tal e como están planificadas, terá consecuencias moi graves tanto para as captacións de augas veciñais coma para os distintos nacementos de regos.

Unha vez executado o proxecto, que afectará a 150.000 m2, reducirase significativamente a capacidade de infiltración en toda a zona debido á propia transformación do relevo e aos movementos de terra en primeira instancia e, sobre todo, de xeito permanente en todas aquelas áreas que se vexan sometidas a algún tipo de pavimentación.

Mapa de todas as extraccións de auga.

Ademais denuncian que non consta nos informes emitidos tanto pola Oficina de Planificación Hidrolóxica coma pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda unha análise destas captacións e traídas de auga preexistentes nin, no seu caso, medidas de protección para elas. Estas traídas de auga son anteriores á lexislación de augas, e supoñen un dereito previo lexítimamente adquirido polos seus usuarios (carentes doutro tipo de servizo de traída municipal de auga); e as afeccións que causarán a estas traídas as obras das cimentacións – para a construción dos edificios proxectados e para a ampliación da rede viaria de acceso – non foron consideradas en ningún momento, o que supón unha flagrante vulneración da Directiva Marco da Auga (DMA).

A Directiva Marco da Auga ten entre os sus principais obxectivos a protección e mellora das masas de auga superficiais e soterradas, e dos seus ecosistemas asociados; a reducción progresiva da contaminación; garantir o subministro suficiente de auga superficial ou soterrada en bo estado, e paliar os efectos de sequías e inundacións. Neste senso, sinalan que o proxecto Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 carece dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a protección das masas de augas superficiais e soterradas.

“A reclasificación dos terreos, actualmente solo rústico de especial protección, abrirá as portas a un boom urbanístico: estadio arena, hotel, restaurantes, tendas de ocio e aparcamentos para 1.200 vehículos co conseguinte incremento do tráfico rodado. Unha presión urbanística que os acuíferos da zona non poden soportar e secaran á mínima que haxa escasez de precipitacións”, declara Cristóbal López voceiro de Ecoloxistas en Acción.Construción cidade deportivaMonte desvastadoCaptacións de auga

Denuncian ademais que non hai ningunha alternativa municipal para subministrar auga ás miles de familias que se quedarían desprovistas dela pola seca dos acuíferos que causará a construcción do GS360, xa que o Concello de Mos non ten un servizo regular de abastecemento de auga.

“Á destrucción dos mananciais, hai que sumarlle o consumo de mais de 1 millón de litros diarios que terá o GS360 segundo o proxecto presentado. De onde vai saír a auga para todo isto? Do sobreexplotado embalse de Eirás? Este proxecto vai hipotecar calquer desenvolvemento urbanístico ou industrial de Mos”, recalcan desde Ecoloxistas en Acción.

O proxecto presentado polos promotores dí que no ámbito do mesmo non se localizan afeccións derivadas da protección de espazos naturais nin de hábitats de interese comunitario. Sen embargo, sinalan desde a organización ecoloxista, este monte desenvolve unha función social coma espazo de esparcemento na periferia de Vigo e a Comunidade de Montes de Tameiga fai un aproveitamento de leña para a calefacción que abastece aos fogares de centos de familias comuneiras.

Volver arriba